Con ritmos de Bluegras, R&B, Soul e Gospel a música será a compañeira da viaxe que comezará en branco e negro e que, pouco a pouco, irá adquirindo e amosando unha variadísima gama de cores.
Datas e vilas dos Encontros 2009
OS CONCURSOS "ENFOCA O GALEGO" E "PALABRAS CON GANCHO", ORGANIZADOS POR POLÍTICA LINGÜÍSTICA, XA TEÑEN GAÑADORES
Santiago, 4 de abril de 2009.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística desvelou hoxe a resolución do xurado na que figuran os nomes dos gañadores dos dous concursos convocados para fomentar a creatividade en lingua galega a través da rede. No caso do certame “Enfoca o galego”, a imaxe galardoada titúlase “Sen medo!” e foi presentada por Nacho Cunha González, de Ferrol, que recibirá como premio unha cámara Canon EOS 450 D. En total, recibíronse 96 fotografías para esta convocatoria. Polo que atinxe ao concurso “Palabras con gancho”, resultou vencedora Estela Fernández Álvarez, de Ourense, que competía coa palabra “televisión”. O galardón neste caso consiste nunha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a Berlín. Neste certame participaron 40 persoas, que esgotaron todas as palabras que a organización habilitou como dispoñibles.
...........................................................................................................
A XINCANA, UN XOGO EN EQUIPO PARA ACHEGARSE Á LINGUA GALEGA, INICIARÁ MAÑÁ NA CIDADE DA CORUÑA A SÚA ITINERANCIA POR GALICIA
Santiago, 3 de abril de 2009.- A Xincana, unha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, enmarcada na campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”, porase en marcha esta fin de semana na cidade da Coruña. Coa finalidade de promover o uso da lingua galega de forma amena e entretida, esta competición desenvolverase ao longo da mañá deste sábado, 4 de abril, no centro comercial Cuatro Caminos, a partir das 11.30 horas. Para poder participar na Xincana, é necesario inscribirse previamente, e para iso a organización dispuxo un prazo de dous días, onte e hoxe venres, ata última hora da tarde.
...........................................................................................................
COMEZA EN SANTIAGO A ITINERANCIA DA COVA, O XOGO DAS PALABRAS ENCADEADAS NUNHA NOVA VERSIÓN ADAPTADA Á ERA DIXITAL
Santiago, 29 de outubro de 2008.- A Praza Roxa de Santiago de Compostela acolle desde hoxe e ata o vindeiro 2 de novembro, a instalación interactiva A Cova, unha iniciativa xurdida dentro da campaña “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A Cova é unha instalación de última tecnoloxía que ofrece un percorrido no que se recrea o mito da caverna de Platón, e na que todas as persoas que o desexen poderán deixar as súas pegadas, o seu mundo das ideas, a través do xogo das palabras encadeadas. Unha das primeiras persoas en facelo foi a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que hoxe se achegou ata a Praza Roxa de Santiago para participar no xogo.
Os novos recursos tecnolóxicos permitirán construír entre todos os participantes unha cadea xigante de palabras, para o que se contou coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga), que asegura a corrección das palabras que se insiran na cadea.
Itinerancia
A Cova está indicada para todos os públicos, sen distinción de idade, que recibirán un agasallo pola súa participación. En Santiago, permanecerá desde hoxe ata o vindeiro 2 de novembro. Despois, a instalación trasladarase á Coruña, onde permanecerá os días 7, 8 e 9 de novembro nos Xardíns de Méndez Núñez. Os días 14, 15 e 16 de novembro, o Parque do Barbaña, en Ourense, acollerá esta actividade interactiva, e os vindeiros 21, 22 e 23 será a rúa Urzáiz de Vigo o novo enderezo da Cova. Por último, a Praza Nova de Lugo acollerá esta instalación interactiva os días 28, 29 e 30 de novembro.
...........................................................................................................
Santiago, 3 de xullo de 2008
